Foto biblioteca

Foto biblioteca

24/04/24

Día do Libro

     Para conmemorar o “Día do Libro” organizouse, na entrada do noso centro, unha exposición con materiais elaborados polo alumnado de 4º ESO nas materias de Lingua e Literatura Castelá e Tecnoloxía.

   Por un lado, nas  clases de Lingua e Literatura Castelá, o alumnado deseñou libros despregables de distintos títulos lidos durante o pasado trimestre. En Tecnoloxía, tras practicar programación na plataforma COSPACES na 2ª avaliación, o alumnado traballou a realidade aumentada con Merge Cube seguindo a plantilla “Book report”; introduciron información nos cadros de texto, personalizaron a apariencia do cubo e engadiron unha escena do libro elixido. Xa na terceira avaliación crearon carteis en Canva coa portada do libro e o QR para visualizar os traballos en realidade aumentada.



     Por outra banda, alumnado e profesorado do centro colaboraron nunha proposta que consistiu na doazón de libros para compartir coa comunidade educativa e tamén coa xente de Bueu. Alumnos e alumnas de 1º e 4º ESO saíron ás rúas para depositar, en distintas localizacións, unha parte dos libros recollidos e así facer a todo o mundo partícipe deste día tan especial.

23/03/24

Digo Viet Nam e basta

     O pasado xoves, 21 de marzo, celebramos o Día da Poesía cunha nova visita da poeta Míriam Ferradáns. A autora falou co noso alumnado da linguaxe e dos sentimentos, das palabras que transmiten emocións, de simbolismo, de rimas, de identidade e do poder evocador dalgúns poemas, como “Digo Viet Nam e basta", escrito por Celso Emilio Ferreiro e dedicado ao pobo palestino. Porque onte ademais de falar de poesía tamén quixemos falar de paz e, como di Míriam, para iso é inevitable falar de guerra. 

Digo Viet Nam e basta

Digo bomba de fósforo.
Apenas digo nada.

Digo lombriga e larva
de carne podrecida.

Digo nenos de napalm,
terror de noite e selva,
fedor de cidade e cloaca.

Fame, suor, aldraxe,
pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,
tremor de terra, crime, lume, lava,
estoupido, verdugo
e mortandade en masa.
Digo gas abafante.

Apenas digo nada.
Digo yanqui invasor,
depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,
esterco bursátil, palanca,
Presidente, gadoupa,
chuvia, amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,
mineral, trampa,
lobo, caimán, polaris, cóbrega,
miseria, diplomacia.
Digo devastación que USA, usa.

Apenas digo nada.
Digo Viet Nam i está xa dito todo
cunha soia palabra.

Para abranguer a vergonza do mundo,
digo Viet Nam e basta.

Viaxe ao país dos ananos 1968

     Este poema fai que abramos os ollos ante a realidade, os seus versos transmiten a traxedia e a crueldade dos conflitos armados, ademais dunha mensaxe de loita e de repulsión ante as inxustizas e o abuso de poder.

   Moitas grazas, Míriam, por achegarnos un pouco máis á arte da lingua.

17/03/24

"A lebre mecánica" e "Que me pare o corazón se te esquezo"

    O club de lectura de 3º ESO xuntouse esta semana para falar de dous libros que tratan problemas que afectan na actualidade a moitos mozos e mozas, por un lado a ludopatía e as apostas en xogos ou competicións e por outro determinadas condutas perigosas nas redes sociais. "A lebre mecánica" de Ledicia Costas e "Que me pare o corazón se te esquezo" de Andrea Maceiras, permitiron adentrarnos en mundos moi perigosos e de fácil accesibibilade para a xuventude.    

As cousas entre Nana e Corvo ultimamente non van nada ben. Conseguiran construír un mundo onde compartían todo: películas, música, manga, videoxogos... Non querían separarse nunca. Mais iso era antes. Agora Corvo desaparece durante horas e non conta onde vai. Cando Nana lle pregunta que lle pasa, enfádase. No seu grupo de amigos ninguén comprende que lle sucede. Desde que empezou a ir en serio coas apostas semella outro. O que antes era pura diversión converteuse nun pesadelo. Case sen decatarse, Corvo acaba metido nunha rede de problemas da que semella imposible saír. 
Sinopse publicada pola Editorial Xerais  

  

    Blue Shiva é a deusa das redes sociais. Na súa popular canle aparecen os retos virais máis arriscados. Pero tamén é unha deusa fráxil. A noite en que decide camiñar polo bordo dun edificio de dez andares, só desexa que a chuvia deteña a súa ousadía. Porén, Nordestal é unha cidade ventosa, e Blue Shiva precipítase ao seu propio abismo. Axiña as redes sociais difunden a nova da súa morte. Do outro lado da pantalla, Ada, que non pode crer que Blue Shiva xa non exista, pídelle axuda á súa irmá xemelga, Lúa, e convértea en cómplice involuntaria. Pola súa banda, Gabriel regresa a Nordestal guiado polos latexos do seu corazón. Narrada a dúas voces, Que me pare o corazón se te esquezo é unha historia sobre ese mar que nos axita por dentro e sobre aquel que se abre alén das nosas pantallas, tinguido pola peor sombra e, ao tempo, capaz da maior luz. 

Sinopse publicada pola Editorial Xerais 

15/03/24

Cabezudas polo clima

     Este curso o IES Illa de Ons está a participar en TransformARTE 2.0: Arte en acción, un proxecto que combina arte e concienciación ambiental, co obxectivo de crear unha campaña visual para tomar conciencia sobre a situación do planeta ante os efectos do cambio climático.

    En 1ºESO colaboramos coa actividade “Cabezudas polo clima”, na que o alumnado investigou sobre distintas activistas ambientais que loitan, desde distintos lugares do mundo, contra o cambio climático. A pasada semana organizamos no centro unha exposición con carteis que recollen os resultados deste traballo de investigación, acompañados pola imaxes elaboradas en volume das cabezas das doce activistas.













13/03/24

Homenaxe ás avoas no 8M

    O venres pasado tivemos na biblioteca unha visita moi especial e das que máis ilusión fixo ao noso alumnado. Algunhas das avoas das rapazas e rapaces de 1º ESO achegáronse ao centro para compartir con nós unha data tan importante coma o 8 de marzo. O alumnado preparou, na materia de Lingua e Literatura Castelá, unha entrevista cunha serie de cuestións para coñecer un pouco máis as vivenzas destas mulleres desde a súa infancia. Ao finalizar, os netos e netas de cada unha delas entregáronlles unhas cartas redactadas con moito agarimo e agasalláronas cuns broches de flores de origami elaborados polo alumnado colaborador da biblioteca.

     Ademais, aproveitamos a súa visita para realizar con elas unha práctica de retrato fotográfico como parte do proxecto "Fotografía en curso", que estamos a desenvolver este ano no noso centro dentro do Plan Proxecta.

   Moitas grazas a todas! 

12/03/24

"A foto fala” e "Tes un minuto?"

      Lembramos á comunidade educativa do IES Illa de Ons que o Equipo de Dinamización da Lingua convocou para o presente curso dous certames audiovisuais: “A foto fala” e “Tes un minuto?”.

     O prazo para presentar os documentos do certame "A foto fala" amplíase ao 15 de abril e os vídeos de "Tes un minuto?" poderán entregarse ata o 26 de abril.



07/03/24

Delmira Agustini. A estraña dor dun pensamento.

    Esta semana tivemos a sorte de contar coa presenza da poeta Míriam Ferradáns na biblioteca. "¿No habéis sentido nunca el extraño dolor de un pensamiento? Delmira Agustini, la intrusa del Modernismo" é o título deste encontro literario co alumnado de 4ºESO, proposto desde a materia de Lingua e Literatura Castelá.

     Durante a súa exposición, Míriam falou das características fundamentais do Modernismo para entender a importancia da figura de Delmira, que foi capaz de ser quen quixo ser a pesar da súa procedencia e das circunstancias do seu país e que tratou o tema do desexo feminino, prohibido neses tempos para as mulleres.


“No me mata la muerte”. Curtametraxe realizado con intelixencia artificial sobre Delmira Agustini que foi proxectado durante a actividade.